Thursday 25 de April de 2024

A Xunta pon en valor a colaboración do Ceida no desenvolvemento de actuacións formativas e de divulgación na Rede Galega de Reservas da Biosfera


Ángeles Vázquez subliña que o Ceida é un dos centros de referencia no eido da educación ambiental e salienta o traballo que realiza na procura da preservación e mellora medioambiental e para fomentar as boas prácticas cidadás nesta materia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo en valor a colaboración do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (Ceida) no desenvolvemento de actuacións na Rede Galega de Reservas da Biosfera, durante unha reunión que mantivo hoxe co director da entidade, Carlos Vales.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou o papel do Ceida á hora de realizar actuacións de dinamización, sensibilización, divulgación, formativas e de comunicación, así como de educación ambiental e de asesoramento e documentación.

 

Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou que o Ceida é un dos centros de referencia no eido da educación ambiental de todos os sectores sociais da Comunidade e salientou o traballo que realiza na procura da preservación e mellora medioambiental e para fomentar as boas prácticas cidadás nesta materia.

 

Cómpre lembrar que a Xunta e o Ceida renovan periodicamente a súa colaboración e, de cara ao ano 2023, o Goberno galego financiará con máis de 110.000 euros actuacións agrupadas en 5 eixos xerais.

 

Deste xeito, farase unha campaña de dinamización e sensibilización en torno á figura das Reservas da Biosfera e outra formativa sobre a xestión das áreas protexidas. A maiores, tamén se realizarán exposicións itinerantes para divulgar e comunicar os valores naturais de Galicia e desenvolverase un programa de educación ambiental en base aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS). Finalmente, unha parte do orzamento destinarase ao asesoramento e documentación do Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga.

 

Segundo concluíu a conselleira, todo o traballo realizado dentro das diferentes áreas de actuación ten como obxectivo global “concienciar á poboación” da necesidade de preservar os nosos espazos naturais.